Friday 19 de April de 2024

Soziedad Alkoholika e Heredeiros da Crus, cabezas do cartel do Entrebateas 2022


A Pobra do Caramiñal comeza a quecer motores para unha das citas imprescindibles para as persoas amantes do metal e do rock. Trátase do festival Entrebateas, que regresa na súa quinta edición despois de dous anos sen se poder celebrar por mor da COVID-19. Así, diferentes grupos de renome actuarán na localidade no 2 e no 3 de setembro, na praza Alcalde Segundo Durán.

A cita musical foi anunciada polo alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); e Ricardo Boo, en representación da asociación cultural Xente ás Leiras.

Soziedad Alkoholika e Heredeiros da Crus son os pratos fortes dun cartel tamén composto por Stoned At Pompeii, Golpe Radikal, Hybrid Park, Agoraphobia e YOUCANTHIDE.

As entradas poderanse adquirir a través da páxina web www.entrebateas.com dende o día 5 de maio. O bono para a totalidade das actuacións terá un custo de 20 euros coa oferta de lanzamento que permanecerá vixente ata 18 de maio; a partir desa data fixarase o prezo final nos 30 euros. Tal e como indicaron, o obxectivo é que, xunto coa achega económica que fai o Concello, o recadado contribúa a que o festival vaia medrando en cada convocatoria e a que se converta nun referente en toda Galicia.

A maiores estanse configurando outras actividades complementarias que dependerán da acollida que teña o cartel nos vindeiros días e algunhas delas terán relación co mar.